segunda-feira, março 05, 2012

Despedida

Até outra ocasión,
Despídome cun vídeo breve mais intenso, como espero que fose esta materia para vós. Nun días borrarei este caderno dixital. Fico ao voso dispor para todo aquilo que precisedes. Podedes contactar comigo no correo electrónico ou na Facultade de Filoloxía. Que sexades felices!!!

http://vimeo.com/2639782

terça-feira, janeiro 31, 2012

Cualificacións

Mañá a primeira hora estarán as cualificacións no taboleiro do Mestrado na Facultade. Para quen non poida pasar por alí, podedes solicitarme a vosa por correo electrónico (goretti@udc.es). Non me parece moi acaído poñelas aquí nin facer comentarios "medio-públicos" sobre elas. Calquera cuestión (erro, confusión, aclaración..., por favor, ao correo electrónico ou no meu gabinete na Facultade de Filoloxía.

Como despedida, envíovos de momento dúas ligazóns para ver se vos gustan (haberá aínda algo máis, xa cando asine as actas e decida pór a data para borrar este estupendo caderno que fixestes):


http://www.youtube.com/watch?v=_Z749ReErEM&feature=player_embedded



http://sermosgaliza.com/?p=784


Unha aperta e que sexades felices,


Goretti

quinta-feira, janeiro 26, 2012

CUALIFICACIÓNS

A semana próxima estarán as cualificacións (e o horario de revisión e de consulta) no taboleiro do Mestrado na Facultade de Ciencias da Educación. Desculpade mais non puiden rematar antes o proceso.

sábado, dezembro 31, 2011

Feliz 2012!!!

Moi boa entrada de ano para tod@s!!!
Non se nos escapa a ninguén (non imos caer nos tópicos) que este foi un ano pésimo, con moitas dificultades para continuar o proceso de restitución lingüística do galego. A regresión política vai acompañada de importantes ameazas lingüísticas que o goberno actual teiman en converter en realidade. Así, para alén das penurias acumuladas nos últimos anos entre as persoas do colectivo docente -as que xa forman parte del e que as que desexan integrarse para traballar desde o sistema educativo-, vivimos hoxe con anguria a desaparición de postos de traballo vinculados coa normalización lingüística que moitas persoas estaban a desenvolver magnificamente, chegando mesmo a casos esperpénticos (tod@s con Ames).
Porén, hai esperanzas para o 2012. Cumpriuse o obxectivo de Sermos Galiza e poderemos ter en breve unha voz propia no mundo xornalístico, a Universidade da Coruña resiste e consegue ter un reitor comprometido coa universidade pública, Teresa Moure gaña o premio de ensaio Ramón Piñeiro cun traballo sobre a nosa construción persoal e lingüística, houbo persoas que conseguiron defender as súas propostas en numerosos ámbitos (na investigación, por exemplo, ou nas propostas de intervención pública, nas apostas planificadoras, como o moi atractivo texto gañador do Premio Luísa Villalta que agardamos desenvolver o próximo ano) e, a pesar de todos os atrancos que tentan que desapareza a nosa literatura, apareceron libros estupendos, que non caben neste pequeno caixón. Para alén das magníficas novidades en poesía, narrativa e ensaio, quero aconsellar hoxe un libro diferente, dos tan necesarios en galego. Trátase de Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, da autoría de Carlos Medrano, que xa publicara os primeiros enigmas con anterioridade. Velaquí un entretemento fantástico nestas horas de lecer.

Ficarán moitas cousas por dicir (temos 365 días por diante para o facer) mais deséxovos un ano de ilusións e novos proxectos para partillarmos!!! Por tod@s nós..., por Galiza e pola nosa lingua.

segunda-feira, dezembro 12, 2011

Non á violencia contra as mulleres!!!

Só outra educación poderá combater este sistema de agresións constantes e asasinatos... Tamén está nas vosas mans, nas vosas palabras...

Sermos Galiza

Existe desde hai uns meses un proxecto para que volva existir un xornal na nosa lingua. É unha iniciativa cidadá a que podedes sumarvos ou, cando menos, consultar os seus obxectivos, a través da rede (páxina web, caderno dixital, facebook, twitter...). Escribín estes días un artigo para promoción deste xornal cuxa ligazón vos deixo para continuar, devagariño, póndolle o ramo aos traballos desta materia. Oxalá cando traballedes como docentes teñades ferramentas como a que está debaixo deste proxecto para formar e informar:   http://sermosgaliza.com/?p=583 .