Velaí vai, pois, para quen quixer. O texto pode parecer complicado ao comezo. Non reparedes naquelas cuestións sobre as que non saibades moito e procurade ir á base do asunto, que é o que importa.
Da seguranza lingüística
A seguranza no modelo de lingua que empregamos é unha peza chave no proceso de restauración e de conservación do idioma que foi sistematicamente desprezada, desde o punto de vista educativo, como factor de restitución lingüística, a non ser desde unha perspectiva normativista que só ten conta a ortografía e a morfoloxía e que, ao negar tanto a complexidade como a precisión sintácticas e menosprezar a riqueza léxica agás como fonte de excentricidades, carece de repercusións prácticas de importancia. Esa seguranza encapsulada na cela dunhas normas ten sempre data de caducidade: as oposicións, o exame ou o curso de formación para acrecentar ao currículo. Está demostrado que o feito de a amplísima porcentaxe do funcionariado posuír os títulos dos cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega non supuxo un incremento significativo do uso do noso idioma na docencia nin nas diferentes administracións, aínda que si deu lugar a unha maior competencia escrita que tivo algunhas repercusións positivas, pois certo dominio do idioma é un requisito imprescindible para a súa persistencia, mesmo sen a garantir.
O 9 de novembro de 2005 a Secretaría Xeral de Política Lingüística consegue que Galiza pase a ser máis un membro de ALTE (Association of Langage Testers of Europe) e, a partir dese momento, comeza un proceso de modificación da avaliación do coñecemento do galego para se adecuar ao Marco europeo común de referencia para as linguas definido polo Consello de Europa. A mudanza, a partir do ano 2006, a un novo modelo en que se mide a aprendizaxe en termos de capacitación comunicativa esixiría unha reflexión previa para procurar que non acontecese novamente o mesmo, isto é, que non realicemos cursos e concedamos altísimas cualificacións de competencias que rara vez van ser exercidas. De confluírmos na conveniencia de homologación coa aprendizaxe doutras linguas, esta esixe un estudo particular que permita un achegamento diferente ao coñecemento do idioma desde unha óptica interna, pois nunha fase non excesivamentre curta as persoas que van obter os diplomas acreditativos dos distintos niveis dos Celga (Certificado de coñecemento de lingua galega) son, maioritariamente, galegas e/ou levan anos a residir no noso país. Mágoa que non se optase por conceder algún tempo máis a reparar nas especificidades do caso galego para as incorporar na perspectiva do proceso da aprendizaxe e que se realizase unha ficticia validación dos niveis anteriores á alza para evitar problemas, eliminando a posibilidade de aproveitar a mudanza normativa para apostar por un mellor coñecemento do idioma.
A pesar de lle non concedermos relevancia desde a perspectiva lingüística, os seres humanos procuramos seguranzas cotiás pois nelas achamos satisfaccións e comodidades. Mesmo ás veces desexamos saborear os praceres de coñecer as nosas inseguranzas para establecer os nosos límites, sen nos decatarmos de que continuamos, tamén neste caso, a nos mover no terreo das seguranzas. Se a comodidade for unha calidade en que reside a responsabilidade fundamental no abandono lingüístico actual do galego, só proporcionándomos antídotos antidesleixo –en gran parte, a través da seguranza– poderemos mudar nalgunha medida a situación actual do idioma. E mudar algo é recuperarmos usos abandonados para o galego e estender eses usos a outros espazos. Comodamente, isto é, con seguranza.
De entre os criterios habitualmente esgrimidos a prol dunha lingüística liberdade de mercado aparece unha e outra vez o do mercantilismo. A lingua que máis vantaxes proporcione á cidadanía tenderá a ser a máis usada. Sen acreditarmos nun argumento que eliminaría todo o que non produce réditos inmediatos, si xulgamos que unha vantaxe para o emprego do galego é garantirmos profundas seguranzas intra- e extra-lingüísticas. A responsabilidade da Administración, desde esta perspectiva, é chave para acadarmos espazos en que poidamos tripar sen medo.
A seguranza lingüística no modelo de galego que empregamos é fundamental para obtermos resultados no que respecta á súa transmisión e á súa difusión. Estou convencida de que ese é o aspecto que máis precisa a nosa atención, que máis reclama un tratamento profundo e radical. Profundo, porque de o interpretarmos superficialmente só suporá novas frustracións que dicionarios e vocabularios facilmente poderían remediar. Radical porque implicaría verdadeiros cambios revolucionarios na maneira de as persoas usuarias –ocasionais ou conscientes– do noso idioma enfrontaren a dura tarefa diaria de se manteren nel.
Co obxecto de non nos afastarmos excesivamente no tempo e de contribuírmos desde o aquí e agora a unha reflexión que coadxuve a reparar tanto silencio e tanta reiteración no difícil camiño de (re)converter o galego na lingua propia, na nosa lingua primeira e principal, só cualificaremos de grave a irresponsabilidade de non converter o acordo normativo de xullo de 2003 nunha celebración colectiva. É certo que a adhesión ao consenso normativo non foi unánime mais si tan amplamente maioritaria nos sectores sociais usuarios do galego que permitía, POR FIN!!!!, vestirmos o noso idioma cun traxe de festa desde a segunda feira até o domingo para volvermos pórlle o mesmo traxe a seguinte segunda feira, e así semana tras semana, mes tras mes e primavera tras primavera.
O feito de a Real Academia Galega non axilizar a publicación do novo texto, a decisión de a Administración non o facer visible a través da súa publicación oficial –que non fose obrigatorio facelo non significa que non fose necesario, como o paso do tempo acabou por tornar evidente–, o sarcasmo de os poderes públicos atrasaren a súa inclusión nos documentos e publicacións oficiais, o inaudito de aínda hoxe seren precisos cursos de reciclaxe e o extemporáneo de gran parte da poboación que emprega ocasionalmente o galego reproducir sistematicamente a norma anterior adiaron a eliminación dun problema reiterado e utilizado como escusa para non acoller o galego como lingua usual de comunicación en determinados ámbitos . Nin as mudanzas foron tantas nin era difícil, a partir dun texto que inclúe algún que outro punto feble en que tampouco imos deter a nosa ollada, avanzar un pouco máis e favorecer unha maior homoxeneidade e calidade, canto menos na linguaxe administrativa e formalizada das institucións.
O reducionismo fixo que grazas –substituíble en moitos contextos por graciñas ou por obrigada/obrigado– fose a forma escollida para ridiculizar o resultado final dun proceso que posibilitaba situar na marxe o debate normativo e centrar esforzos na recuperación de ámbitos de usos para o galego. Porque non se trataba de abrir un debate sobre a artificialidade ou non da lingua estándar, sobre a súa maior ou menor aproximación á fala. A lingua estándar é, por definición, unha construción e, nese sentido, tan artificial é a decisión de escollermos dicir como a de incluírmos grazas. As linguas non nacen cun estándar debaixo do brazo e só o seu cultivo continuado pode dotalas das ferramentas precisas para se enfrontaren ás necesidades da vida en cada período histórico. As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas no ano 1982 son, como todos os estándares lingüísticos, construcións artificiais de que nos dotamos colectivamente.
De aí que calquera crítica que pretenda deslexitimar o consenso normativo acadado no ano 2003 desde o punto de vista estritamente intralingüístico non pode ser máis que cualificada de superficial ao non distinguir claramente dous aspectos ou dúas perspectivas, a natural e a cultural a respecto das linguas.
Conceptos como os de lingua estándar e lingua coloquial, dialecto e lingua, lingua oficial e lingua propia, entre outros, son habitualmente manipulados para perseguir determinados fins. A banalización dos conceptos referidos ás linguas e a falta de rigor das opinións sobre os usos lingüísticos leva hoxe a afirmar que o estándar galego é un modelo de lingua escollido arbitrariamente, unha afirmación tan verdadeira e tan falsa como predicar o mesmo do italiano, do español, do francés ou de tantos outros idiomas.
No caso galego, a última e interesada confusión ofrécea o documento elaborado polo Club Financeiro de Vigo que ousa afirmar, na páxina 10, que as linguas “se teñen soas e se manteñen, expanden ou esmorecen por razóns absolutamente pragmáticas, derivadas de condicionamentos socio-históricos concretos, alleos a toda consideración ética ou política a posteriori, e, por suposto, a toda vontade consciente de trocalas” e na 13 que “ofrece poucas dúbidas, e a historia así o amosa, que o progreso económico das nacións vai parello ao espallamento da súa lingua”, exemplificando na actualidade co inglés e co español, as únicas linguas que obteñen o título de comúns, mais que, como é ben sabido, só traen riquezas aos EEUU e a España, mais non a Camerún, Etiopía, Malasia ou Paquistán no caso inglés, nin a Ecuador, Paraguai ou Bolivia no caso español.
Xustamente por esta confusión intereseira é difícil persuadir docentes de que o acordo normativo ten, loxicamente, pouco interese intralingüístico e moito extralingüístico. Na realidade a ninguén cun mínimo de coñecementos lingüísticos rigorosos se lle escapa que o desenvolvemento do proceso do acordo normativo e a súa posterior recepción social supoñen un novo exemplo de “espectáculo ortográfico” , presentado con grande esaxeración polo que supón de mudanza de vontades daquelas persoas que deciden (re)converterse para traballar a prol da lingua desde a perspectiva socio-política, mais non polo que supón de novidades e mudanzas intralingüísticas. Tratábase, pois, de inocular a idea de sermos capaces de defender o reintegracionismo desde a norma oficial, como diría Freixeiro Mato, ou de aparcarmos as disputas normativas para avanzar na extensión de ámbitos de usos no idioma, sen desculpas de ningunha caste.
Aquelas persoas que recolleron o acordo só desde a perspectiva intralingüística –como máis unha obriga académica que hai que acatar– continuaron a usar case na súa totalidade o seu modelo anterior sen se decataren de que había unha vontade de construción colectiva que supoñía algo máis e que esixía un esforzo adicional para nos reescribirmos de novo. Esa rendición incondicional só tiña sentido se significaba unha nova etapa para a nosa lingua imaxinada, un correlato desa comunidade imaxinada de Anderson, tamén desde a perspectiva lingüística, unha construción que tan pouco de natural ten e que tan ben define a época Nós e a da Xeración do 16.
Unha decisión planificada con vontade construtiva para dotar dunha maior homoxeneidade e calidade o galego tornaría –rapidamente e desde todas as institucións e persoas preocupadas pola fortuna do noso idioma– en principais a primeira forma do artigo, a contracción ao, mais tamén –aría e, por tanto, aConsellaría introducir formas antes desbotadas para seren postas en circulación, pois só desa maneira pasarían a existir realmente (a legalidade real e non simplemente a legal é a que conta). Insistimos nesta segunda cuestión, porque de xulgarmos que as normas só supoñen as modificacións obrigadas (formas rematadas en –za, -zo e algunha outra restitución como pau unido ás mudanzas gráficas de aglutinacións ou deglutinacións) e que iso non implica incorporarmos formas agora recoñecidas e lexitimadas (como cuxo, porén ou até) e facermos un esforzo para coidar a sintaxe, incluír infinitivo flexionado e, cando menos, non excluírmos o emprego de futuro de subxuntivo estamos enganando os axentes do proceso e unha parte substancial da poboación, quer por agardaren algo máis, quer por non seren conscientes de se moveren tantas vontades para tan cativo resultado.
Mais esta inauguración dunha nova época esixiría un grao de xenerosidade e un recoñecemento colectivo nun modelo de lingua que moitos dos dirixentes –académicos, políticos e académico-políticos– que nos tocou padecer non esta(ba)n dispostos a consentir. De feito, continuamos a combater a inercia (a comodidade, a inseguranza) anterior e a lembrar que existe un novo momento para a lingua.
Foi complicado o proceso que dotou de certa seguranza lingüística moitas persoas usuarias do galego, tanto por reforzar un modelo culto para aquelas que partían dunha transmisión familiar da nosa lingua como aqueloutro que conseguiu afianzar grupos importantes de individuos que quixeron construírse desde o galego a pesar de teren xa perdido o idioma a(s) xeración(s) anterior(es). O labor esforzado, fundamentalmente, mais non só, de docentes a prol desta reintegración lingüística trataba de rematar co esgazamento deliberado en dúas comunidades lingüísticas do noso país e en demasiadas ocasións foi combatido por unha torpe idea que privilexiaba a lingua do berce fronte a aquela en que cada falante decide libremente instalarse. Agasallar, pois, este sector con doses de seguranza lingüística e de recoñecemento social debe situarse como obxectivo principal do proceso de normalización. Cal é a causa de fuxir destes coidados e de se non situar na marabilla e no orgullo de confluírmos desde diferentes espazos, formacións e tradicións?
Na mesma liña negadora deste necesario recoñecemento colectivo nun modelo de lingua consensuado, entre a aparición de preconceptos sobre o idioma, rara vez reparamos nun cada vez máis estigmatizado e que todos e todas, mesmo moitas persoas defensoras do idioma, estamos contribuíndo a reforzar. Falamos do feito de ser a preocupación pola calidade da lingua algo propio non xa dos especialistas senón dun grupo moi reducido de persoas, algo histéricas, que sempre están descontentas e que se realizan denunciando situacións imposibles de se modificaren.
Teriamos que aplicar aquí o dito de Castelao: “Non vos riades, porque o conto é triste”, tan triste que está detrás dalgunhas exclusións sociais e que converte algunhas persoas en obxectivos deterministas susceptibles de non seren escoitadas xamais. Un discurso lingüístico de calidade é tan estraño dentro do galego que consegue espertar ou unha minoritaria admiración entusiasta ou unha maioritaria descualificación baixo a acusación de elitismo. Todo isto sen reparar en corresponder en moitos momentos e espazos un modelo lingüístico sen palabróns, cunha boa sintaxe e cunha acaída escolla léxica. Calquera persoa agardaría recibir esmerados discursos lingüísticos en distintos contextos en español, francés, inglés ou alemán mais o galego parece ter que pagar obrigatoriamente un imposto de coloquialidade para se identificaren os falantes nel.
É ben certo que noutra situación lingüística poderiamos non só relaxar a nosa percepción sobre a calidade da lingua senón mesmo enfrontármonos a ela. Desde unha situación de ameaza permanente e de inferioridade manifesta non é posible manter ningunha actitude diferente á do purismo, entendido sempre non como reforzo normativo senón como lóxica procura dun modelo de lingua auténtico afastado do español. Como en tantos outros aspectos (lémbrense as tantas veces inútiles páxinas arredor dos criterios para a consideración de lingua ou dialecto dunha determinada variedade lingüística), non ten relevancia aquí o interlingüístico e si o extralingüístico.
Nesta liña acreditamos en que o sinal máis inequívoco de que o camiño non é o correcto é o actual desleixo lingüístico, que transmite en excesivos casos e ocasións a falta de preocupación polo modelo de lingua e pola súa calidade. A inexistencia de rexistros en galego e a uniformidade a que sometemos o idioma ten bastante a ver co que desexamos para el. Situándonos no non esforzo, na acomodación por abaixo (“non vaia ser que pensen que son moi culto”; haberá país onde a cultura e o saber estean menos valorados?, haberá lugar onde sexa mellor o espontáneo e natural, aínda que de cativa calidade, que o construído con esforzo e símbolo de paixón e compromiso?), na falta de preocupación, tomamos partido. Tamén neste sentido houbo magníficas voces a defenderen a premeditación fronte a espontaneidade:
Aínda hai quen defende a espontaneidade –iso que se deu en chamar espontaneidade– como soa maneira de se expresar sinceramente e coa vivacidade máxima na literatura. Os defensores do espontaneísmo argumentan dicindo: toda premeditación tende a producir un descenso na temperatura emotiva. O estado de ánimo –engaden– defiáñase e vaise cando un se detén de máis cacheando a expresión. Só se pode ser sincero sendo espontáneo. Parécenos que para ser sincero na expresión –fonda e autenticamente sincero– convirá saber o que se sente e saber expresalo. Doutro xeito ficará un nesa vagarosa indecisión que leva a facer uso e abuso do adxectivo “inefable”, ou rematarase dicindo algo distinto do que verdadeiramente se maxina, sente ou pensa (Dieste 1981: 77-78).
Tampouco aquí existe o apoliticismo. Tomamos partido coa falta de compromiso, coa negativa a sermos exemplo de coherencia, coa transmisión de carencia de motivación e esforzo. Tomamos partido con que “total, que máis ten”. E negámonos a lle dedicar un pouco de tempo a mellorarmos a calidade do idioma que empregamos e a sermos a vangarda, a atraer cara a nós e a construír un modelo máis digno, vestido sempre con traxe de festa, con alegría, porque podermos saír co galego aínda á rúa debe ser obxecto de celebración diaria. E para as celebracións preparámonos, coidámonos. Ou asistimos con desgana. Daquela é que pouco representa para nós. Saibámolo, sexamos conscientes diso.
Moito do que se produce hoxe no noso idioma, ofrece un modelo de idioma simple e simplificado, tanto no léxico como na sintaxe, que foxe da subordinación e da construción de parágrafos medios como se o modelo da linguaxe administrativa fose o único existente. De maneira sistemática realízanse escollas léxicas que coinciden co español e que inzan os breves apuntamentos que se inclúen como orientacións de reiteracións inxustificadas. Así, son únicas ou esmagadoramente maioritarias as formas atopar (e non achar), recordar (e non lembrar), buscar (e non procurar), lista (e non listaxe), necesario (e non preciso), levantar (e non erguer), crer (e non xulgar ou acreditar), quedar (e non ficar), para alén do abuso de pero, que nunca admite ser substituído pola tamén conxunción adversativa galega mais e da preferencia por con vós ou con nós no lugar de convosco ou connosco. É tamén significativa a fuxida de formas de escaso uso na lingua oral que a actual normativa escolleu e que ben poderían introducirse para familiarizar o estudantado con elas, como é o caso de porén. Igualmente, e a pesar de figurar como contido para o Celga 4 o “Uso e equivalencia das formas de infinitivo conxugado” os materiais utilizados prescinden del mesmo en contextos en que todas as gramáticas recomendan (ou prescriben) a súa utilización. Mesmo sen aparecer incluído (tampouco para o Celga 5!!!) o futuro de subxuntivo, sería un matiz desexable a incorporación tamén dalgún futuro de subxuntivo pois, alén de aparecer algún contexto que o está a reclamar, pode moi ben ser útil no “recoñecemento e uso das formas lingüísticas máis axeitadas para cada tipo de discurso e texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc.)”, como indican os contidos de Celga 4, preparatorios para a "adecuación das estruturas sintácticas ao contexto e ao tipo de texto (coloquial/formal, oral/escrito, etc." e para o "Recoñecemento dos trazos morfosintácticos diferenciadores das variedades sociais, xeográficas e históricas do galego", incluídos no nivel 5. Se un outro modelo de idioma for posible, o noso compromiso lingüístico será unha realidade transmitida con entusiasmo, en que procuraremos máis ligazóns das habituais no camiño da escrita á oralidade.
É un tema realmente interesante, que daría moito que falar… por que a xente, xa non vella (entendendo que queiran manter as súas costumes e formas de falar) pero si esa xente nova non queira evolucionar, darlle forma a un idioma propio sen tantos castelanismos ou barbarismos? Simplemente por que soa “pijo”?
ResponderEliminarAntes de nada, cómpre afirmar, que non renego nin moitísimo menos, daquelas variacións dialectais ou calquera forma de falar galego. O importante é darlle uso e falalo.
Persoalmente síntome orgulloso do meu galego, extraído exclusivamente do sistema educativo ao convivir nun contexto extremadamente castelanizado, polo que segue un modelo máis ou menos estandarizado. Que soa raro? - afirman os meus avós-, mais segue sendo galego ou non?
Estou totalmente de acordo con Goretti cando afirma: “Un discurso lingüístico de calidade é tan estraño dentro do galego que consegue espertar ou unha minoritaria admiración entusiasta ou unha maioritaria descualificación baixo a acusación de elitismo.” A penas nos preocupamos por darlle pulo o idioma… Xamais coñecín a ninguén que lle gustara ou aceptara falar “mal” o castelán porén no noso idioma “que máis ten, fálase así toda a vida” e hai que aceptalo?
Coido que debemos tomar partido, preocupándonos polo modelo de lingua e a súa calidade.
Concordo co meu compañeiro Antón no interesante que sería que intentásemos evolucionar e adoitar unha lingua estándar, de aí a importancia da seguranza lingüística, coa que estou plenamente de acordo como norma necesaria para a homoxeneización do idioma. Mais diverxo con el na razón que nos leva ao non uso da norma, e é que na miña opinión é o descoñecemento e a falta de uso da mesma fai que a gran maioría da poboación descoñeza un galego estándar ou normativo e empregue un galego coloquial. Penso que no galego e máis común o uso dun galego coloquial pola ausencia dunha norma durante tanto tempo, polo que volvo a recalcar a importancia da mesma como elemento fundamental para unificar o idioma e dotalo así de más firmeza.
ResponderEliminarTamén quería dar as miñas felicitacións a Goretti xa o que o texto despertou a miña interese e coido que ese sempre é un dos obxectivos do autor, e tamén me animou máis se cabe a unha maior dedicación ao coñecemento da norma e dun idioma culto como elemento fundamental para a calidade da lingua, o que supoño que suporá unha maior ledicia para a autora.
Por último, gustaríame sinalar a pesar de non seren un lingüista a miña concordancia con Goretti na cuestión da seguranza no idioma como ferramenta precisa para a calidade da lingua e non como aspectos extralingüisticos.
E certo que o galego que empregamos a cotío e esencialmente coloquial e concordo con Simón sobre unha falta de norma, mais penso que non é a razón principal da nosa teima co uso do galego noutros rexistros.
ResponderEliminarComo xa falaramos nas clases o "galego" era unha persoa "de pobo" "inculta" na cultura homoxeneizadora, mais non na do campo que moitos deberan coñecer... nese tipo de argumentos tan habituais dámonos conta que o problema da fala ven dado polo uso que se fai dela.
Se dende hai 30 anos a administración, os banqueiros, empresarios, os rótulos dos comercios e publicidade, e evidentemente a propia escola, etc. falaran galego máis ou menos estándar suporía unha estratexia de inmersión lingüistica para todos nós. Non habería nin tanto castelanismo nin o uso das estruturas sintáticas do español.
Nos, que vimos dunha facultade castelán falante no 95% dos casos (en canto o profesorado) tamén perdemos a nosa oportunidade de ter rexistros propios do léxico deportivo, para solventar esta temática o servizo de normalización lingüistica hai anos publicou un documento que vos deixo de seguido, por pasaren desapercibido tantos anos polo estudantado
http://www.udc.es/inef/galego/documentos/0_obradoiro_deportes.pdf
¿Todos falamos igual?... Creo que non é correcto falar dunha UNIFORMIDADE da lingua. Non todos os galego falantes utilizan a lingua da mesma forma. O seu uso depende:
ResponderEliminar-Do lugar onde aprenden a lingua e do lugar no que residan. Aquí relacionamos o falante ca súa orixe territorial, por exemplo, os dialectos (modo de falar).
-Do nivel de instrución, que acostuma estar vinculado ó nivel socioeconómico.
-Da situación comunicativa.
-Mais, a lingua foi evolucionando ó largo da historia.
Non podemos confundir o coloquial co vulgar ou popular . Non é uniforme, varía polas características dialectais. Creo que o coloquial é socializador, espontáneo, próximo, relación de igualdade. Por isto último, creo que é interesante ver a diversidade da nosa lingua, con unha norma definida e uniforme, pero conservar os diferentes dialectos.
E evidente que non todo o mundo fala igual unha lingua, pero eu son partidario de que haxa unha normalización ou uniformidade lingüistica.
ResponderEliminarPenso que desta forma a lingua adquire peso ou forza respeto as demáis.
Lois Rodríguez Lorenzo
O obxetivo é que nos sintamos seguros no modelo de lingua que empreguemos. O galego estandarizado non debería de ser alleo a nós, pois como dice Goretti, unha lingua non nace cun estándar debaixo do brazo, se non que é unha construcción que se vai facendo de xeito continuado para adaptarse ás necesidades do momento.
ResponderEliminarCreo que é preciso facer fincapé nos intereses intralingüísticos e extralingüísticos, prevalecendo, en moitos casos, os últimos sobre os primeiros, de xeito que non se conseguen unhas mudanzas intralingüísticas que nos axuden a afirmar a seguranza que debiamos ter.
Se dende a administración non se recoñecen formas propias da nosa lingua e se adoptan outras que son máis semellantes ó castelán, non é culpa directa do falante que se sinta máis cómodo empregándoas. Ben é certo que no galego coloquial utilizamos moitos castelanismos, pero por exemplo, como se menciona no texto, cando se escribe un discurso en galego de alta calidade lingüística, para a maioría dos galego falantes quédanos alleo.
Debe de ser un traballo conxunto, dende a administración e institucións públicas, até os propios falantes, recoñecendo e aceptando os diferentes rexistros do galego para que de verdade sexa unha lingua de calidade.
A volve a tratarse o tema que a mín maís me preocupa. Cada un fala o galego que sabe o que lle ensinaron o que escoita, por eso estou dacordo con que e nacesaria unha normativización, ainda que creo que será moi improbable que se produza no ambito rural, si poeriase comezar nas escolas desta forma a lingua galega non se perderia en canto a numero de falantes, se non que aumentaria, ainda que penso que tamén se lle debería dar un valor maior na sociedade para impulsar dalguna maneira o seu estudio.
ResponderEliminarPablo Otero Puga