Catro percepcións erróneas sobre a lingua galega
Este pasado Nadal tiven a oportunidade de asistir a un xantar en casa duns amigos. Catro xeracións estaban alí presentes: a avoa, 98 anos, de orixe rural e falante monolingüe en galego. A nai, sesenta e tantos, procedente de periferia urbana e galegofalante habitual, aínda que bilingüe cun castelán tinguido de galego. A miña amiga, corenta acabados de cumprir, clase media urbana, castelanfalante habitual, aínda bilingüe. E as súas fillas, en idade escolar, xa monolingües en castelán e cun coñecemento residual da lingua galega.
Trátase dun feito absolutamente real que exemplifica á perfección o proceso de substitución do galego polo castelán en moitas familias nas que, en só tres ou catro xeracións, se pasou dunha lingua á outra. Ben é verdade que en moitas ocasións o cambio non foi tan drástico, e do falante monolingüe en galego se pasou a falantes bilingües cun predominio quer do galego, quer do castelán, pero sen chegar a un monolingüismo absoluto en castelán. En calquera caso moito me temo que traza o camiño que están seguindo moitas familias deste país, e que han seguir moitas outras se non se lle pon remedio.
Os meus amigos, por suposto, son bos e xenerosos, e tamén intelixentes e cultos. Preocúpalles o cambio climático e a fame do terceiro mundo e a inxustiza e as desigualdades e aspiran a un mundo mellor e máis solidario. Dóelles o feísmo urbanístico de Galicia, que os eucaliptos despracen a flora autóctona dos montes, o eterno atraso nas infraestruturas ou a frecuencia e extensión dos incendios forestais. Mesmo ven con certa preocupación como Papá Noel lle vai gañando terreo aos Reis Magos. Trátase de persoas de ben que teñen un certo compromiso co lugar no que viven porque son conscientes de que as súas fillas herdarán o que de bo ou malo eles lles deixen. E dende logo cónstame que buscan o que consideran mellor para elas e que se esforzan na súa educación.
Non parecen sentir, porén, a máis mínima preocupación pola desaparición na súa familia da lingua galega, e o feito de que as súas fillas xa non poidan expresarse no único idioma que fala a súa bisavoa non dá a impresión de que os inquiete o máis mínimo.
Seguro que non se trata dun caso illado e estou certo de que o lector coñecerá familias cun comportamento lingüístico similar. Os meus amigos non son persoas belixerantes coa lingua. Non falan habitualmente en galego, pero fano se o interlocutor insiste en manter esta lingua ou se detectan que dese xeito poden ser mellor comprendidos. Mesmo se podería dicir que a cuestión do galego atrae, de xeito difuso, as súas simpatías. A súa lingua de instalación, porén, é o castelán. Sospeito que os meus amigos, con algún engadido e algunha subtracción, representarían a boa parte desa Galicia que adoita expresarse en castelán.
Cales son as razóns polas que eles, e moitos outros coma eles, optan por este tipo de conduta? Ao meu xuízo hai algúns motivos que determinan ese comportamento e sobre os que quizais non se reflexionase o suficiente á hora de deseñar políticas que lles fagan fronte. Vexamos catro deles:
1 A percepción da lingua galega como un instrumento prescindible.
Todo o mundo adoita analizar dalgún xeito os beneficios que espera obter á hora de realizar calquera tipo de investimento, tanto económico como de esforzo ou de tempo. Os meus amigos envían as súas fillas dende ben pequenas a clases de inglés, e probablemente cando sexan algo máis vellas realizarán tamén algunha estadía nun país de fala inglesa. A aprendizaxe do inglés, máis aló do currículo escolar, supón para estes pais un importante esforzo tanto en termos económicos como de tempo, pero fano porque perciben con claridade que o dominio desta lingua poderá no futuro supor unha vantaxe competitiva para as súas fillas. Algo similar ocorre co castelán. Que pasa co galego? Pois que simplemente ou se considera por completo prescindible ou se confía de xeito vago en que a súa aprendizaxe se dará de xeito natural, por ósmose ambiental. E isto, que hai uns anos ocorría con frecuencia, xa non é unha realidade en grandes núcleos de poboación. Anos atrás moitos que fomos educados en castelán adquirimos o galego por simple necesidade, practicamente de xeito inadvertido, ás veces como unha marca máis para reafirmar o noso paso á idade adulta (o galego era, en tempos e nalgunhas zonas, patrimonio dos adultos, así como o castelán o era case en exclusiva da infancia) e outras como instrumento necesario para comunicarnos cun contorno que se expresaba de forma bastante compacta nesta lingua; e todo isto nun contexto ben máis desfavorable para a lingua e en ausencia do seu ensino escolar.
Algúns pais confían, tamén, en que o ensino oficial complete a súa falta de compromiso na transmisión da lingua, de aí a importancia que a escola supla, na medida das súas posibilidades, as inhibicións das familias neste eido. É ben certo que o coñecemento do galego non garante necesariamente o seu uso, pero dende logo a súa ignorancia si que asegura o seu desuso.
Do mesmo xeito que o inglés ou o castelán son percibidos como linguas que achegan vantaxes e pluses, os beneficios do galego pasan desapercibidos. E non só iso, senón que en moitos casos a lingua galega é considerada como un elemento perturbador, como unha interferencia na consecución dun axeitado dominio das outras. Como se saber galego fose un impedimento para saber castelán ou inglés... cando está demostrado que o coñecemento de linguas, cantas máis mellor, facilita enormemente a adquisición do dominio en novos idiomas. Detrás dun prexuízo deste tipo deben estar as reivindicacións do “dereito a escoller o idioma da educación para os fillos” tan de actualidade arestora e que, por moi disfrazadas de democracia que se queiran presentar non deixan de ser, no fondo, unha esixencia do dereito á ignorancia da lingua galega. Sería necesario un maior esforzo para explicar que o intelixente, en cuestión de dominio de linguas, é sumar, independentemente de cal sexan os factores (isto é, as linguas) que compoñan a adición. E que no caso do galego o esforzo necesario para convertelo nunha lingua máis, nun coñecemento máis, é mínimo. En definitiva, que con moi pouco investimento pode conseguirse un enorme beneficio.
As políticas lingüísticas aplicadas ata o momento non foron quen de visibilizar as vantaxes dun correcto dominio da lingua galega, quizais porque se insistiu moito en argumentos que poñían o acento no pasado (lingua dos devanceiros, esplendor medieval, apelos á tradición...) e se descoidaron as razóns de futuro, ou polo feito de se facer fincapé en beneficios ben reais pero intanxibles (a cultura, a intelixencia, o incremento no desempeño intelectual que outorga o coñecemento doutra lingua) que a poboación non percibiu con claridade. Unha parte de responsabilidade non menor nesta percepción da escasa utilidade da lingua galega debe tela o feito de que dende os inicios da democracia ata hai pouco tempo a esixencia de coñecemento da lingua galega para o acceso a postos de traballo na administración galega fose, por dicilo dun xeito diplomático, moi laxa. Nunca o descoñecemento da lingua foi un impedimento para traballar nas institucións dependentes do goberno galego, mesmo en organismos que deberían ser tan coidadosos co idioma como a Compañía de Radio e Televisión de Galicia, dado que en boa medida foron creados mercé á existencia e ao compromiso de conservación da lingua e durante moito tempo foron financiados con avultadas partidas de política lingüística. O descoñecemento da lingua non foi una pexa dado que o sistema de certificación do coñecemento da lingua galega (os coñecidos títulos de iniciación e perfeccionamento) podían obterse na inmensa maioría dos casos, paradoxalmente, sen acreditar máis ca un moi imperfecto coñecemento da escrita da lingua e ignorando olimpicamente o resto de destrezas (a comprensión oral, a expresión oral ou a comprensión escrita). Iso explica porque aínda na actualidade o número de persoas que se presenta aos exames Celga ascende a unhas catro mil anuais, e no caso do éuscaro, por poñer un exemplo próximo, son arredor de quince mil os que cada ano se matriculan nos exames para obter o EGA (certificado de coñecemento do éuscaro, equivalente ao Celga 4), case catro veces máis, cando os falantes de galego triplican abondosamente aos daquela lingua. O castelán e o inglés supoñen unha vantaxe ou mesmo un requisito imprescindible para acceder ao mercado de traballo, mentres o galego non se percibe como necesario.
2 A percepción da diversidade como un inconveniente.
Algo que sen dúbida afunde as súas raíces na maldición bíblica do mito da Torre de Babel, e tamén na Revolución Francesa e o xacobinismo, na absurda (por irreal) concepción do estado coma un contedor no que só cabe unha lingua, cando a teimosa realidade mostra que os estados nos que só se fala unha lingua son unha excepción e que a diversidade é, con moito, a regra. No mundo hai uns 220 estados e máis de cinco mil linguas. De facer un reparto equitativo a correspondencia sería de máis de vinte idiomas por país. Deses 220 estados, non chegan a unha decena os que se consideran monolingües, de modo que o multilingüismo é, con moito, o máis habitual. Tamén en países como Estados Unidos, Gran Bretaña, Francia, Alemaña, Italia, toda Iberoamérica e moitos outros que de xeito habitual son erroneamente percibidos como monolingües. De feito no Estado español case unha de cada seis persoas fala habitualmente outra lingua distinta do castelán. E nun dos países máis prósperos e estables do mundo, Suíza, conviven dende sempre catro comunidades lingüísticas diferentes, todas elas oficiais nos seus respectivos territorios.
En cuestión de linguas a variedade e a diversidade son a tónica xeral, e iso dota á humanidade dunha gran riqueza que en ocasións non somos quen de comprender de xeito cabal. Probablemente ninguén cun mínimo de sensibilidade ambiental discuta a conveniencia de preservar, na medida do posible, a riqueza e variedade do mundo animal ou vexetal. Adoito sentimos mágoa cando lemos na prensa que unha especie se extingue, ou cando a deforestación da amazonía nos deixa adiviñar que probablemente estean a desaparecer especies únicas, aínda non descubertas. Dun xeito ou doutro sabemos que a extinción de animais e vexetais supoñen un empobrecemento dos ecosistemas do noso planeta e polo tanto do noso patrimonio común, e que canda eles desaparecen ademais substancias descoñecidas, posibles remedios a enfermidades, creacións únicas que a natureza tardou millóns de anos en sintetizar. Porén, a redución da variedade lingüística parece deixarnos indiferentes, se cadra porque na sociedade materialista na que nos movemos as linguas son concibidas dun xeito reducionista e utilitario, como simples sistemas de comunicación, só como instrumentos dun mercado. E as linguas son moito máis ca iso. Cada lingua supón un modo orixinal e único de describir o mundo, calquera lingua posúe un pequeno tesouro de palabras únicas, orixinais, sen equivalente nin tradución a outros idiomas, conceptos novos ou matices valiosos que se perden sen remedio cando algunha variedade lingüística morre. Non debemos esquecer que as linguas son o vehículo do saber e que polo tanto a morte dunha lingua implica a extinción dunha cultura. Un mundo no que desaparecera o multilingüismo ou no que xa só se conservaran moi poucos idiomas, sería sen dúbida un mundo moito máis empobrecido, máis manipulable e menos seguro no que vivir.
Pero se fronte á deforestación ou á extinción de especies non é moito o que de primeira man poidamos facer, sobre a cuestión da supervivencia das linguas si podemos intervir de forma directa: comprometéndonos coa nosa.
As políticas orientadas á promoción da diversidade lingüística son inexistentes no Estado español, e practicamente nada se leva feito para impulsar o coñecemento das linguas cooficiais fóra do que son os seus territorios naturais. No caso do galego e do catalán, dada a súa proximidade ao castelán, o esforzo necesario para obter un dominio pasivo sería mínimo. Algo máis custaría o éuscaro. Pero en calquera caso o esforzo pagaría a pena, xa que é moi difícil odiar o que se coñece, e isto ten importancia capital dada a proximidade entre o rexeitamento da diversidade lingüística e o rexeitamento doutros tipos de diversidade que poden conducir ao conflito e á violencia; en definitiva, o repudio daquilo que é diferente chámase racismo. As arelas dos políticos, porén, parecen ir máis ben en sentido contrario a calquera intento de promocionar a reciprocidade de coñecementos lingüísticos, e os tímidos intentos de presenza (etiquetaxe de produtos, publicidade, emprego nos medios de comunicación...) sofren uns atrancos que, por exemplo, non se lle poñen ao inglés. Non hai moitos meses un medio escrito nacional facía unha lectura irónica sobre o Samaín, e describíao como un novo intento diferencialista sen ningún tipo de base histórica. Sen valorar se o Samaín é ou non unha festa tradicional recuperada ou un invento máis recente, o que realmente sorprende é o rexeitamento contra o seu carácter galego, mentres que o Halloween saxón, que penetra con moitísima máis forza, só parece recibir parabéns.
A diversidade, pois, constitúe un ben común, e a Constitución Española recolle no seu título preliminar que “a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección”. Bótanse de menos esforzos políticos decididos a nivel estatal para facer patente á cidadanía non só a importancia de preservar esa riqueza, senón tamén para divulgar a evidencia de que ese patrimonio compete e enriquece a todos os cidadáns, e non é exclusivo dos falantes desas “outras linguas” do Estado.
3 A percepción de que a lingua galega pode sobrevivir soa.
Os meus amigos, e seguramente canda eles moitos outros galegos que se expresan habitualmente en castelán e quero crer que case todos os que o fan en galego, sentirían que o galego desaparecese. Unha Galicia sen lingua galega non sería o mesmo.
Ningunha lingua pode sobrevivir por si mesma, nin o inglés, xa que todas elas precisan para perpetuarse do compromiso, consciente ou inconsciente, dos falantes. Unha lingua é tan fráxil que desaparece todas as noites cando os seus falantes dormen, e resucita ao día seguinte co seu espertar. As linguas precisan das persoas para sobrevivir; nesta regra non hai excepcións.
É verdade que os gobernos teñen unha enorme responsabilidade na promoción do idioma e no deseño de políticas lingüísticas que garantan a súa supervivencia. Así o recolle o noso Estatuto de Autonomía, que establece a obriga por parte das autoridades de potenciar o seu emprego en todos os planos da vida pública e así mesmo de facilitar o seu coñecemento. Pero tamén é verdade que a escolla de lingua é sempre, e en definitiva, unha cuestión persoal, e que fronte a unha negativa do individuo nada poderá facerse para estender o uso (a escolla de lingua é un dereito que aseguran as leis) ou promover o coñecemento (é imposible ensinar a quen non quere aprender). A poboación, cada un de nós, somos os responsables en última instancia.
Porén moitas persoas, ás que lles preocuparía que a lingua galega chegase a desaparecer, non parecen percibir que a súa supervivencia demanda o seu compromiso. Dá a impresión de que “sempre haberá quen o fale” e que ao fin e ao cabo a responsabilidade sobre a lingua compete unicamente aos poderes públicos. A vitalidade da lingua é algo que nos atinxe directamente a todos, e que depende de cada un de nós moito máis do que a miúdo pensamos; todos os esforzos institucionais para a preservación do noso idioma non valen de nada se cada un de nós non asumimos un mínimo compromiso individual. Non pretendo en absoluto descargar aos gobernos dun labor que é a súa obriga estatutaria e moral, pero si chamar a atención sobre o feito de que apenas se fixese fincapé na necesidade de implicar directamente á poboación na tarefa, ou cando menos trasladarlles que a súa colaboración era precisa. Nas políticas lingüísticas levadas a cabo en Galicia, e salvo excepcións, o pobo foi considerado case sempre como un simple obxectivo receptor de accións e medidas, e case nunca como un axente activo.
E do mesmo xeito que a lingua precisa do noso compromiso, tamén necesita accións decididas para que sobreviva. Tal e como están as cousas, tras centos de anos de abandono e sobre todo tras unha ditadura que durante corenta anos reprimiu a conciencia o seu uso, deixar o futuro do galego ao libre transcorrer dos acontecementos sería algo similar a asinar a súa acta de defunción. Por iso as políticas igualitarias non serven, xa que a situación de partida é radicalmente desigual. Tratar do mesmo xeito ao galego e ao castelán (e ao inglés) non será suficiente. Pode parecer aparentemente moi xusto, pero non abondará, sobre todo porque esa suposta igualdade só se discute nun eido, no do ensino obrigatorio, que é precisamente no que a situación das linguas é máis equilibrada. Pero quedan fóra o resto dos ámbitos (comercio, medios de comunicación, sanidade, banca, universidade, empresa, xustiza...) nos que a presenza do galego é aínda testemuñal ou moi baixa. Velaí un terreo para que os defensores do bilingüismo equilibrado traballen a eito se queren ser consecuentes cos seus propios postulados.
4 A percepción do galego como un idioma minoritario.
Lingua minoritaria, lingua minorizada, lingua menos estendida, lingua pequena. As palabras non son inocentes e todas estas expresións usadas decote transmiten unha mensaxe moi clara sobre a cativez da lingua galega. En realidade o número de falantes non inflúe para nada nas características dunha lingua. Non existen linguas mellores ou peores, nin máis ou menos avanzadas, nin máis ou menos dotadas para transmitir uns ou outros coñecementos. Todas elas, sen excepcións, son vehículos de comunicación en esencia moi similares. As diferenzas que algúns lingüistas sinalaron no pasado son debidas sempre a prexuízos que hoxe en día non mantería ningún especialista cabal. Pero é que sobre o feito de se o galego é ou non unha lingua minoritaria habería moito que discutir.
É verdade que, nese conxunto de cinco mil linguas ou máis que fala a humanidade o galego non se sitúa por presión demográfica dentro das vinte primeiras. Pero tamén é verdade que nese grupo figuran idiomas tan pouco coñecidos como o wu, o telugú ou o marathi. Ou que nesa situación tampouco se atopan o grego ou o polaco ou o checo, o sueco, o búlgaro, o finés... E que demográficamente detrás do galego están situadas algunhas linguas estatais europeas, como o lituano, o letón, o esloveno, o estonio ou o islandés. Á xente adoita sorprenderlle que, nese ranquin de cinco mil linguas, o galego se sitúe na posición cento trinta e oito. Dentro das duascentas linguas máis faladas do mundo.
Probablemente o galego sexa, xunto co catalán, unha das linguas non estatais que se atope nunha mellor situación en canto a expectativas de supervivencia. Porque ademais do seu peso demográfico hai outros indicadores que nos poden orientar sobre a fortaleza e vitalidade da lingua. Así, o galego avanza postos de se ter en conta que está entre as cento vinte e oito linguas nas que se ofrece a interface de Google, ou que se atopa entre o medio cento escaso en que está dispoñible o sistema operativo Windows. O galego atópase tamén entre as cincuenta linguas do mundo ás que se traducen máis libros e no número trinta e sete en canto á presenza en páxinas web en Internet.
Non, non se trata en absoluto dunha lingua minoritaria, senón dun idioma con todas as características necesarias para perdurar, para obter a adhesión dos seus falantes. Sería necesario difundir estas informacións, para que os galegos puidésemos rexeitar como unha falsidade esa percepción da nosa lingua como un instrumento eivado e pouco capaz. Tamén cumpriría incentivar con decisión a aprendizaxe da lingua portuguesa á que dende o galego se pode acceder cun mínimo esforzo e á que as autoridades educativas en Galicia lle viraron absurdamente as costas. A proximidade das dúas linguas, fóra de complexos de inferioridade, outorgaríalle ao galego unha fantástica proxección.
Dase o caso que na miña familia estou vivindo una situación que aglutina todas as comentadas polo autor nun primeiro momento. Vivo a situación na que se fala galego desde os avós ata os netos, a que os avós falan galego e os netos non o coeñecen prácticamente e una situación intermedia de bilingüismo con predominancia cara a una das dúas linguas principais. Curiosamente, as familias máis novas e que moveron a súa residencia cara as grandes urbes son as que están deixando o galego de lado probablemente, sen reparar nas consecuencias que xeración tras xeración esto pode acarrear. Personalmente gustaríame que isto non fose así pero, desgraciadamente, a xente nova desta sociedade fala na súa inmensa maioría castelán. Na miña opinión esto convertiuse nun círculo vicioso difícilmente retornable a una situación de igualdade, xa que cando as vellas xeracións finen, alá dentro de 20 anos, qué será do galego? Habémolo ver (ou iso espero…).
ResponderEliminarPasando a outro tema e comentando agora as facilidades para a obtención de títulos relacionados co galego, que non suponen un coñecemento real da lingua, sobretodo na súa vertente falada, considero que una gran responsabilidade a teñen (teremos) os profesores. Nas miñas clases de galego, a mayoría das persoas non falaban galego, polo tanto podemos coñecer da a á z a a vida de Castelao, Rosalía, Curros e Pondal (non estou dicindo que non a haxa que coñecer), pero o que verdadeiramente fai perdurar unha lingua no tempo e que ésta teña vida é a súa vertente falada a cal, sen dúbida, é a máis descoidada por infinidade de profesores. Se ó escoitar e falar un idioma a facilidade para apréndelo é maior, por qué non se fixo que a xente falara galego nas clases? (No mesmo caso está o inglés a nivel de aprendizaxe, idioma no que a moita da xente que o estuda 12 ou 13 anos na escola non é capaz de manter unha conversa) E xa non digo só nas clases de galego, xa que materias como coñecemento do medio, bioloxía, socias… estaban impartidas en galego, pero a xente non falaba galego nelas.
En canto á diversidade, eu creo que no caso do galego se perde porque non é unha lingua comercial, non vende e non é “cool”. Algunha vez falamos na clase tamén da asociación do galego a unha identidade política nacionalista, sendo curioso que a xente que máis galego fala (os avós), probablemente señan, políticamente, os máis contrarios a esta vertente de pensamento, ou iso é o que eu penso. Meténdome agora en política, e apoiando o que se di no texto, “As arelas dos políticos, porén, parecen ir máis ben en sentido contrario a calquera intento de promocionar a reciprocidade de coñecementos lingüísticos…”, un claro exemplo foi a eliminación das galeescolas, centros que na miña opinión eran un moi bo medio para aprender e facer perdurar o galego. Non creo que lle fixeran mal a ninguén, senón todo o contrario, pero que co cambio de goberno, inexplicable e absurdamente, se eliminaronse declarando abertamente a súas intencións con respecto á lingua galega.
Continuación (non me deixaba incluir todo no mesmo comentario):
ResponderEliminarGústame moito unha pequena cita que aparece no texto: “Unha lingua é tan fráxil que desaparece todas as noites cando os seus falantes dormen, e resucita ao día seguinte co seu espertar.”. Isto vai en relación co que se fala no texto anteriormente de que unha lingua non pode sobrevivir soa, necesita de falantes e tamén con que se o galego desaparecese moita xente o botaría de menos. Vénseme agora á cabeza o clásico “ata que algo falta non se bota de menos.” Por poñer un dos millóns de paralelismos que aquí caben, eu non botei de menos a comida de miña nai ata que me fun a vivir só, daquela morría por ela. Co galego, se a situación continúa nesta tesitura, eu aventúrome a pronosticar que pasará o mesmo, sempre sen perder a esperanza de que o panorama actual cambie. Esta situación non se beneficiará sen unas boas políticas lingüísticas, nas cales me parece tan interesante como imprescindible incluir ó pobo como axente dinamizador do galego (aspecto que se sinala no texto e que probablemente moitos non caéramos antes nel).
Finalmente, apoiar a idea que desde o texto se envía de que sería importante dar a coñecer os datos da lingua galega relacionados co seu uso en internet, co número de libros que se traducen a esta lingua… para axudar a que as persoas non a minoricemos máis por culpa dos prexuízos que contra el, o noso idioma, o meu idioma, o galego, se teñen.
Con respecto a Adrián, no seu primeiro comentario, a min pasame o mesmo. Na miña familia, fálase galego dende os mais maiores ata eu, o mais novo, pero hai parte da familia, que tivo que emigrar para as cidades, e outras para o Estado español, e ahí, estase perdendo parte da cultura, xa que ca perda da lingua, vaise unha parte importante do noso pasado. Certo é que agardase un futuro pechado na maneira que os novos, nas urbes, falan a maioría castelán, pero tamén podemos demostrar os que aspiramos a acceder o sistema educativo, nunha figura importante como é o de profesor,a transmitir os coñecementos e a parte educacional na nosa lingua. Eu de feito, salvo que me sexa imposto o contrario, penso facelo.
ResponderEliminarEn tema político, estou moi dacordo con Adrián de novo. As persoas que mais galego falan, os maiores, curiosamente a maioria son de ideas contrarias, e logo tamén hai xente nova, con ideas nacionalistas, que nalgun caso falarán galego. Non me quero meter nestes temas, xa que é moi complexo a miña forma de ver, e o que principal e mais importante é o respeito a todos e todas.
Gabriel Domínguez Dos Santos
Interesante texto de Singala, que non debe deixar a ninguén indiferente.
ResponderEliminarDespois de todo o dito por Adrián, pouco máis se pode salientar. A miña forma de pensar e de ver o galego é a mesma ca que expresou, quizais porque vivimos no mesmo pobo, somos amigos dende que teño uso de razón e as experiencias no ámbito da escola foron as mesmas. Asi que, en canto a iso, nada máis que engadir.
Por outra banda, gostaríme comentar un par de frases que me parecen destacables e sobre as cales reflexionar:
- "É moi dificil odiar o que se coñece". Se non damos a oportunidade a coñecer algo, nunca poderemos terlle ese aprecio e sentirnos identificados.
- "Sempre haberá quen o fale". Pensando desta forma mal vamos. Como tamén se cita no texto, cada un é libre de escoller a lingua que quere falar, pero debemos partir de que ningunha ten máis prestixio que outra, é dicir, que ninguén vai ser mellor ou peor por falar galego ou castelán (sempre dende o respecto).
Na miña opinión describe á perfección a situación galega actual, a realidade que nos atinxe e o panorama que moitos de nós estamos a vivir.
ResponderEliminarDe feito, nada máis lelo, viñéronme á cabeza diversos exemplos moi próximos desa perda progresiva na transmisión lingüística. Son moitos e non creo que sexa o momento para enumeralos, pero ratifícome nunha proba por todos compartida: unha lingua está viva cando pasa efectivamente á seguinte xeración. É neste punto cando o sistema educativo e as familias xogan o seu partido decisivo.
Concordo co autor na totalidade do que afirma, coido que é dificilmente rebatible, mais gustaríame facer fincapé na importancia de concienciarnos na promoción do galego pola nosa parte e fuxir dese sentimento que moitos afirman: “eu non podo cambiar o mundo”. É a típica desculpa para botarlle a culpa ao resto, pola propia apatía ou falta de desexo. O que fai que o galego non avance é a falta de esforzo e compromiso. Todo o mundo ten que moverse, ten que camiñar facendo que o galego sexa un pouco mellor.
Unha vez máis, debemos erguernos e comezar a trocar esa percepción do galego como lingua menor, triste ou vincualda a un sector de menor prestixio. Se ben o seu desuso e prexuízos son aínda importantes e coido que preocupantes, os datos ofrecidos na aula e novamente por Singala (número total de falantes, presenza na rede, na literatura…) son un halo de esperanza o que aterse.
Temos que falalo sen desconfianza, sen medo a trabucarnos e demostrando a importancia que ten para cada un de nós.
Teño que decir que o texto di moitas verdades... describindo moi fielmente a situación da sociedade galega.
ResponderEliminarMesmo na miña familia existen moitos prexuizos hacia o galego, creo que impostos dende a dictadura que se viviu no país. Desde xeito os meus pais falanme castelán pero son moitas as veces que os escoito falar en galego, con coñecidos, familiares ou amistades.
Creo que a situación na que estamos agora mesmo é moi diferente a dos nosos avoos ou pais, e creo e estou seguro que a situación do galego no futuro ainda vai a cambiar a millor. Sorprenderonme os datos finales sobre a situación da nosa lingua. ESTAMOS ENTRE AS 50 LINGUAS QUE MÁIS SE TRADUCEN LIBROS!!!!WINDOWS TAMÉN ESTÁ EN GALEGO!!!
Lendo o texto veuseme a mente o video que viramos en clase: "Historia tráxica cun final feliz" xa que en referencia ó inicio do segundo comentario de Adrián Boo no que reflexiona sobre a frase citado do texto decindo: "Ata que algo falta non se vota de menos". Certo é!!!! jajajaj e si claro que hai moios paralelismos na vida de cada un...
As persoas somos nos e as nosas corcunstancias!!! de ahi que sexa moi importante un sistema educativo concienciado coa labor lingüistica, pero hai que seguir traballando noutros ámbotos como dí Singala.
E finalizo cunha frase, que dixo o anterior presidente do FC.Barcelona... (non referente a situación lingüitica), pero que me parece apropiada: - Que no estamos tan mal hombre!!! jajajajjaja
Isto referente a nosa lingua... pero hai que seguir loitando!!!
Ángel González Hermida
Os dato din que a lingua galega non vai ter problemas pero na realidade escondes un escuro perfume de desaparición. cada vez máis o galego ten menos falantes en idades entre 0 e 15 anos, esto é preocupante xa que nun futuro eses nenos serán pais e nais, que educaran os nenos do futuro, co cal o galego está nun problema grave, non está na UCI, pero o último decreto pode mandalo directamente, creo que a solución sería ensinar en galego e non ensina o galego.
ResponderEliminarMiguel fernández garcía
Concordo na maioría do texto co autor así como coas aseveracións dos meus compañeiros. Coido que a maioría de nós viu de preto una situación coma a que narra Singala en referencia á perda do idioma en tan só tres xeracións, o que constitúe un feito máis que alarmante, xa que isto podería supoñer a perda dun idioma que aínda que se cultivou durante moitos anos, poderíase perder tan só nuns poucos.
ResponderEliminarNo referente á política lingüística, quero salientar a súa ineficacia, que se podería solucionar dunha forma ben sinxela como é coa realización de probas ou exames do idioma para as persoas que queiran optar a una praza na administración pública.
Máis complexa me parece a actuación noutros sectores que cita o autor coma o empresarial, o comercial etc, no que sería primordial tomar medidas oportunas con carácter de urxencia.
No tema da diversidade gustaríame sinalar o desperdicio que estamos a facer, xa que tan só tres comunidades no estado español contan con dous idiomas oficiais, e parece que isto, lonxe de ser unha riqueza é un inconvinte ou un privilexio que non aproveitamos. Ademáis, concordo con Singala nun feito que aínda que se escoita pouco, resulta moi interesante como sería o feito de que coñecésemos a outras linguas do estado español aínda que non fósen da nosa comunidade. Tamén me gustaría mostrar a miña concordancia máis absoluta coa importancia que tería para a nosa cultura o aprendizaxe do portugués, o que suporía unha riqueza e un elemento de proxección moi importante para o idioma.
Así mesmo, gustaríame citar a importancia que ten o feito de que se difunda a posición do galego con respecto a outras linguas así coma o seu uso na rede, xa que considero que se todo o mundo soubese isto animaríase a darlle un maior uso á lingua e contribuir de xeito decisivo a que o galego sobreviva.
Penso que este texto que acabo de ler é verdadeiramente interesante, pero non me acaban de convencer os argumentos do autor. Digo convencer porque parece que Singala tenta dicirnos a través de comparacións o que está a pasar con idioma galego. Por suposto comparto todo o exposto no texto, pero non creo que comparar unhas cousas con outras sexa correcto. Por iso penso que non é un argumento comparar o galego "co cambio climático e a fame do terceiro mundo e a inxustiza e as desigualdades, o feísmo urbanístico de Galicia, que os eucaliptos despracen a flora autóctona dos montes, o eterno atraso nas infraestruturas ou a frecuencia e extensión dos incendios forestais, Papá Noel lle vai gañando terreo aos Reis Magos...".
ResponderEliminarEn canto as razóns que se dan polo non uso da lingua galega penso que acerta plenamente, ainda que supoño que hai moitas máis, pero o certo é que senón nos paramos a reflexionar, moitos de nós, inconsciente o conscientemente pensamos que "a lingua galega é prescindible; a diversidade é un inconveniente; a lingua galega pode sobrevivir soa; o galego é un idioma minoritario".
Como conclusión, penso que coma futuros docentes é o nose deber coñecer todo aquilo que nos rodea para ter unha visión clara do que queremos e debemos transmitir aos nosos alumnos. Non creo que a actitude sexa deixarnos levar e arrimarnos ao sol que máis quenta. No caso do galego, penso que agora mesmo hai que remar contracorrente para transmitir a importancia do idioma na nosa comunidade, co ben cultural e único, que nos fai diferentes e únicos. Polo tanto, penso que a educación, axudada polos mandamáis, debemos ter un papel importante no coidado da lingua galega. E como digo sen que ninguén nos convenza delo, sendo nos os que creamos no que facemos.
Cantas verdades xuntas nun texto tan curto. Creo que casi todos nós podémonos ver reflexados no autor do texto. Todos estamos a ver como pouco a pouco o castelán vaille gañando terreo ao galego en tódolos seus ámbitos. Estou de acordo co autor en ésas catro percepcións erroneas que se teñen sobre a lingua galega, pero creo que o factor fundamentar destas percepcións que se teñen, ás que eu chamaría prexuizos, atópanse na escola, e creo que é o lugar onde se debería inculcar outra maneira de pensar.
ResponderEliminarAntonio Márquez Blanco
Como lin o texto aos poucos dias de rematar co libro En Galego,¿por que non?, do mesmo autor, xa non sei se iste é continuación do outro ou o revés,pero unha cousa quedoume clara, ambolos dous textos compleméntanse a perfección.
ResponderEliminarComo ben dixeron os meus compañeiros todos ou case todos vivimos algunha situación familiar coa lingua galega moi parecida a que conta Singala no texto, unha situación que pasa de xeración en xeración esquecendo unha tras outra un pouco do que é noso, o galego.
Eu teño unha irmá que non me leva moitos anos, pero ela ten unha rapaciña de 2 anos e medio moi espabilada que dende o seu primeiro ano vai a gardería. Resulta que un día coa miña sobriña na casa, comezei a falarlle en galego, de primeiro eran palabra moi parecidas ao castelán para ver se non notaba a diferencia coma árbore,paxaro, etc... pero foi o pouco de seguir o "xogo" cando xa me dixo: "tia, que dices, !no te entiendo!". Foi ahi cando lle fun preguntar a miña irmá que lle daban na gardería e ela contestoume, castelán e inglés. É dicir a miña sobriña nacida en Galicia de pais Galegos avós Galegos e bisavós Galegos (a metade galegofalantes a outra metade non galegofalantes)sabe máis palabras en inglés que en galego. Eu quedei abraiada e pregunteille a miña irmá se non lle importaba que a súa filla non supera nada de galego,e ela díxome que xa o ano que ben entraba na escola e que ahí xa o ía aprender. Remitome aqui a boísima frase que Singala introduciu no texto:"se confía de xeito vago en que a súa aprendizaxe se dará de xeito natural, por ósmose ambiental". Fago a reflexión para a xente que como miña irmá opta por que sexa o sistema educativo o que faga comprender e asimilar o idioma galego a miña sobriña, en vez de ser eles os que lle fagan a ela aprendelo. Menos mal que a súa tía máis ben de forma consciente vaille metendo a rapaziña as ganas de loitar polo noso.
Singala nos invita a reflexionar sobre la diversidad de las lenguas y especialmente sobre la situación actual del gallego. Estoy a favor de muchos comentarios de mis compañeros, especialmente el de Adrian Boo, estoy de acuerdo con él, es muy importante reflejar y dar a conocer la situación de la lengua galega creo esto ayudaría a cambiar la imagen “negativa” que algunos pueden tener sobre la misma, a disminuir los perjuicios sobre el galego.
ResponderEliminarNo cabe duda de que la diversidad lingüística es uno de los aspectos más importantes en la actualidad, pues afecta a la vida social, cultural y profesional de muchos ciudadanos y a las actividades económicas y políticas de muchos países. En nuestro caso el gallego, entre otras cosas facilita el aprendizaje de otros idiomas, hace más sencilla la comprensión oral y escrita de otros idiomas. Permite, posibilita una comunicación con ciudadanos del país vecino Portugal y otra lejano como Brasil, que juntos suman casi 200 millones de personas y como no el saber más idiomas posibilita que se abran oportunidades laborales. Como dice mi compañero Ángel, hay que seguir trabajando, hay que hacer llegar el mensaje para lograr poco a poco concienciar a mas y mas personas sobre la importancia del la lengua gallega.
Elkin Andrés Flórez Domínguez